De cadernos, inéditos e debuxos : o volume Manuel María. Letras Galegas 2016 da USC

Ven de publicarse o libro Manuel María. Día das Letras Galegas 2016,  novo volume da serie que a USC , a través do seu  Servizo de Publicacións, mantén adicada cada ano aos homenaxeados no 17 de maio. Nesta ocasión, e coa inestimable colaboración da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e a súa presidenta, Saleta Goi, trátase da edición facsimilar de tres cadernos atopados entre a inxente documentación custodiada na casa de Outeiro de Rei. A profesora Carmen Blanco explica na introdución o contido e os criterios escollidos para esta selección, que non segue unha orde cronolóxica senón de “entidade literaria”:

Neste sentido a publicación dos presentes orixinais dá a coñecer a un tempo a intimidade na que nace a verdadeira voz dos versos de Manuel María e o seu proceso de elaboración e composición, desde a escrita a man ou a máquina ata a creación da unidade autónoma do caderno asinado e datado coidadosamente que quere ser, e será, borrador e xerme dunha futura obra editada.

(Da Introdución: escoitar o calar das calandras, de Carmen Blanco)

 

Reproducimos aquí un dos poemas contidos no caderno  correspondente a Poemas da luz resucitada: o titulado A palabra

 

 

Palabra

Reprodución do orixinal de Poemas da luz resucitada, destacamos o poema A palabra. Prema na imaxe para acceder ao rexistro no catálogo.

 

O contido do volume que hoxe nos ocupa contén tres obras:o caderno manuscrito autógrafo Poemas da luz resucitada,  a Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño– neste caso, mecanografiado-e, por último, nove debuxos.  Cómpre salientar que Poemas da luz resucitada é o xerme do libro A luz ressuscitada, publicado no ano 1984 por AGAL, adaptado- segundo nos lembra Carmen Blanco- a normativa lingüística da entidade editora.  A Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño aparecera no 2001 no número 4 da revista  Xistral, prácticamente idéntica nesta publicación ao orixinal reproducido aquí. Por outra banda, chaman moito a atención o conxunto dos nove debuxos, deixamos aquí o titulado “O romántico”, do ano 1951.

 

 

romantico

Dibuxo orixinal de Manuel María titulado “O romántico”. Datado no ano 1951 é un dos nove dibuxos que, procedentes de diferentes épocas, ven a luz agora nesta edición á cargo da USC.

Manuel María, tradutor de “Os vellos non deben de namorarse”

Ben é sabido o interese que Manuel María demostrou polo teatro. Autor dunha estimable obra dramática- cuxo fondo na BUSC está na pestana correspondente deste blog- foi tamén un divulgador do mesmo alén das fronteiras galegas. Non é raro, polo tanto, que no número monográfico que a revista Primer Acto (1970) adica ao  teatro da nosa terra- cun énfase particular a figura e a obra de Castelao-fora o encargado de facer unha panorámica do teatro galego Noticia del teatro gallegoConvén chamar a atención sobre a importancia deste número e a importante nómina de colaboradores, coñecedores moitos deles de primeira man do que se estaba a facer nese momento. Asi, a colaboración de Manuel María hai que engadir as de Bautista Alvarez, Manuel Lourenzo, Alonso Montero e o mesmo Fernando Iglesias, “Tacholas”.  O devandito artigo de Manuel María, que abre o número do que nos ocupamos, convírtese nunha aportación moi interesante para coñecer, de primeira man e de xeito somero, cales foron os fitos do noso teatro desde unha perspectiva histórica. Conclúe, tamén, con reflexións sobre o que, no ano 1970, podería considerarse o futuro do teatro en Galicia:

Tenemos fe en el futuro. En Galicia hay un gran deseo, en la juventud, de la que es el futuro, de hacer teatro, y buen teatro, en gallego. Vigo y La Coruña empiezan a ser ciudades de consideración. Los universitarios y los jóvenes en general están vivamente interesados por los problemas y culturas de Galicia. Hay en la conciencia de las gentes un interés grande en que el teatro gallego sea una realidad floreciente.

Pero o aspecto central do número do que queremos falar é a tradución realizada de Os vellos non deben de namorarse.  A tradución ven acompañada dun artigo de José Monleón, director da revista e recoñecido especialista en teatro , no que se fala da singularidade desta obra e da necesidade de que chegue a tódolos públicos., polo que a tradución cobra especial importancia.

losviejos

Imaxe do número 120 da revista Primer Acto no que se publicou a tradución realizada por Manuel María de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao. Prema na imaxe para acceder ao rexistro no catálogo da BUSC.

 

 

 

 

 

 

 

Manuel María en “Papeles de Son Armadans” (lembrando tamén o centenario de Cela)

Cando comezamos a escribir este post, pensabamos traballar sobre a inxente produción xornalística de Manuel María. Coma ben comenta o profesor Mato Fondo no seu “O traballo xornalístico de Manuel María: xornalismo e poesía” (incluído no volume Manuel María, Literatura e Nación), a “íntima relación entre os xéneros” é unha das características das colaboracións do poeta chairego na prensa, así coma ese “coidado exquisito da palabra (…), o fondo intimismo e a tensión nostálxica”.  Nada podemos engadir nós, ao xa dito e comentado polos filólogos, amigos e especialistas da longa e valiosa colaboración de Manuel María con diferentes medios xornalísticos. Os xornais, desde El Ideal Gallego co que comeza a súa colaboración na década dos 50, pasando por El Correo Gallego como A Nosa Terra poden atoparse na BUSC en diferentes formatos.

Pero hoxe, 11 de maio, queríamos tamén lembrar o centenario doutro escritor galego, que escribiu fundamentalmente en castelán e que, ata o momento, é o único escritor da terra en recibir o premio Nobel de Literatura. E facémolo acudindo ao estrictamente literario e, neste caso, bibliográfico. Como é ben sabido, Camilo José Cela dirixe, edita e publica entre os anos 1956-1979 a revista Papeles de Son Armadans., un piar fundamental da cultura española contemporánea, polo que supón de proxeción tanto a autores nacionais como extranxeiros. E Manuel María non foi unha excepción.

No ano 1958, Manuel María publica na revista  “Carta a Federico García Lorca”, un fermosísimo poema de loubanza ao autor granadino integrado nun número que homenaxea a xeración do 27, na que Cela tiña algúns amigos cercanos como Dámaso Alonso; aínda que o punto de partida do número especial era unha lembranza a Lorca e o que tería sido o seu  sesenta aniversario.

 

(Reproducimos do microfilm da revista Papeles de Son Armadans, T.11, n.32-33, p. 412-413)

Diríxese Manuel María a Lorca lembrando os seus Seis poemas galegos 

20160511_093229

E introduce, tamén, ao propio Camilo José Cela coma testemuña do mar mallorquín, do mesmo xeito que lle preguntaba antes ao granadino.

20160511_093234

 

Vaia desde aquí a nosa particular lembranza deste 11 de maio.

Sobre “Advento” de Manuel María e a súa publicación en Bos Aires

Hai unha carta dirixida a Luís Seoane- e  recollida no epistolario en liña do Consello da Cultura Galega– na que Francisco Fernández del Riego fálalle ao editor galego exiliado na Arxentina do envío dun libro inédito de Manuel María:

Carta de F. Fernández del Riego a Luís Seoane, do 24/XII/1950, informándolle do envío dun libriño inédito de Manuel María.

Carta de F. Fernández del Riego a Luís Seoane, do 24/XII/1950, informándolle do envío dun libriño inédito de Manuel María (Premer na imaxe para seguir a ligazón)

Previamente, e como menciona na devandita carta, xa houbera algunhas mencións sobre o poeta chairego no periódico La Noche, ao que accedemos desde Galiciana Dixital :

cultural

La Noche, año XXXI, número 9218, 16/12/1950 Fálase da dificultade de atopar os libros de Manuel María na cidade de Lugo. Premer na imaxe para vínculo orixinal.

 

O libro que editaría Luís Seoane en Ediciones Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires  no ano 1954 sería Advento,  do que temos exemplar na BUSC:

Cuberta de “Advento”, con ilustración de Seoane. Prema na imaxe para acceder a referencia no catálogo da BUSC.

Cómpre destacar tamén a edición da obra que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos fixo co gallo do 60 aniversario da publicación da obra:

 

Edición de "Advento" feita pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Prema na imaxe para acceder a referencia no catálogo.

Edición de “Advento” feita pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Prema na imaxe para acceder a referencia no catálogo.

 

 

O Consello da Cultura Galega ven de publicar unha edición dixital da obra que se pode descargar  desde a súa mediateca .  Contén correspondencia entre Manuel María e Luís Seoane, ten un limiar de Ramón Villares e o estudo e edición da obra está a cargo do poeta e amigo persoal de Manuel María Miguel Anxo Fernán-Vello.  Sinalado polo poeta e editor da obra como “fito da poesía galega cotemporánea” é, para moitos, unha das mellores obra de Manuel María.

A piques de rematar estas liñas, chega a BUSC o exemplar da devandita obra editada polo Consello en papel:

Exemplar n. 464 dunha tiraxe de 500 numerados de "Advento" de Manuel María editada polo Consello da Cultura Galega. Prema na imaxe para enlazar co catálogo da BUSC

Exemplar n. 464 dunha tiraxe de 500 numerados de “Advento” de Manuel María editada polo Consello da Cultura Galega. Prema na imaxe para enlazar co catálogo da BUSC