CRONOLOXÍA DE MANUEL MARÍA

Cronoloxía de Manuel María (1929-2004)

 

1929          Manuel María Fernández Teixeiro nace en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro no seo dunha familia labrega acomodada. Será o maior dos catro fillos de Antonio e Pastora.

1943          Morre o seu pai  e trasládase a vivir a Lugo co seu tío Xosé Fernández que é párroco,  profesor do instituto feminino e dono dunha nutrida biblioteca. Nesta época é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, aprende a facer versos.

1949          Con só dezanove anos pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; intégrase na tertulia luguesa do “Café Méndez Núñez”, invitado polo poeta Luis Pimentel e na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero. Convértese en editor da revista Xistral onde publica os seus primeiros versos.

1950          Publica o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, poemario inaugural da chamada ‘Escola da Tebra’ e que o converte no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra e representante da corrente existencialista europea.       

1951          Escribe Morrendo a cada intre e publica catro contos en Cadernos Grial.

1952          Nesta época en Santiago, cumprindo o servizo militar co seu amigo Uxío Novoneyra, establecerá relación con outros autores como Borobó, Bouza Brey, Ramón Lugrís, García Sabell, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo… e, sobre todo, Carlos Maside que o introduce nas teses marxistas.

1954          Publica en Bos Aires Advento, de carácter marcadamente existencialista, e Terra Chá de temática paisaxística con limiar de Anxel Fole.

1957          Aproba o exame para exercer oficialmente de procurador nos Tribunais e convértese en asidua a súa colaboración con El Ideal Gallego

1959          Vive en Monforte onde exerce de Procurador de Tribunais. Nestes anos participa en varios certames poéticos e casa con Saleta Goi García.

1962          Libro de pregos, escrito xa en 1951 profundamente influído pola morte do seu irma Xesús María aos trece anos xa fora premiado en Bos Aires no ano 1955 e o publica agora con pequenas variacións.

                   Porén, os anos sesenta e setenta serán de transición dende aquela tristura existencial cara unha temática mais social e de compromiso político e nacionalista. Este compromiso no social, político e cultural plasmarase en empresas levadas a cabo con Saleta como a publicación  da colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas; ou a relación coa Nova Canción Galega (Manuel María converteuse nun dos poetas máis cantados polos grupos galegos marcadamente antifranquistas e galeguistas) e a participación activa na política colaborando na fundación da UPG e da ANPG.

Son anos nos que intensifica a súa creación como poeta (Mar Maior), como narrador(Contos en cuarto crecente e outras prosas) e dramaturgo (Auto do labrego)

1964          Con Saleta, integrase na UPG recentemente creada na clandestinidade.

1968          Publica o seu primeiro traballo de poesía para nenos: Os soños na gaiola ao que porá música Suso Vaamonde en 1979. Iniciase un período especialmente fecundo na súa produción poética. Sucesivamente irán saíndo do prelo: Proba documental, Versos pra cantar en feiras e romaxes, Versos pra un país de minifundios, Remol,….

1970          E nomeado membro correspondente da Real Academia Galega. Traduce ao español Os vellos non deben de namorarse de Castelao, para a revista Primer acto onde tamén publica Noticias del teatro gallego.

1972          Publica en Portugal  Odas nun tempo de paz e de ledicia, onde utiliza novamente un procedemento irónico-satírico para exercer a denuncia social.

1973-         Publica en Montevideo Informe para axudar a alcender unha cerilla que inaugura a tipoloxía do poema longo, cun fio temático que se mantén durante toda a obra. Nesta mesma liña publica Aldraxe contra a xistra e Laio e cramor pola Bretaña.

Os anos setenta son tamén de publicación de obras relacionadas co compromiso ideolóxico (no 1979 e concelleiro en Monforte polo BN-PG) como Cantos rodados pra alleados e colonizados, Poemas pra construír unha patria, Cataventos de neutrós domesticados,…

A parte da poesía, publica tamén varias obras dramáticas –Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos), Barriga verde, Farsa de Bululú, Auto trascendental do ensino tradicional, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela,…– obras para nenos como As rúas do vento ceibe (continuación de Os soños na gaiola) e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela; e ensaios como Noticia da poesía galega de posguerra publicado pola  Sociedade da Língua Portuguesa.

1980-         Os anos oitenta supoñen na súa obra poética un afondamento nas temáticas mais intimistas e paisaxísticas sen deixar de lado a preocupación social. Viaxa a Venezuela, Suiza, Euskalherría, italia, Grecia,…. Publica Libro de Baladas Poemas da Labarada estremecida, Versos do lume e o vaga-lume, As lúcidas lúas do outono Oráculos para cavalinhos-do-demo, O Miño, canle de luz e néboa,…

                            En 1985 abandona a militancia na UPG e en 1987 e nomeado fillo adoptivo de Monforte. Varias das súas pezas de teatro son traducidas ao euskera.

1990-         Na década dos noventa Manuel María recibe numerosos recoñecementos como o premio “Celanova, casa dos poetas”,  en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, que recibe en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro.

                   Asemade, o 15 de setembro de 1995 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega dedícalle unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. En maio de 1997 faino a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizando un encontro en Outeiro de Rei baixo o título “O escritor na súa terra”.

Fanse nestes anos varias reedicións dos seus traballos. A colección “O Barco de Vapor” publica A tribo ten catro rios e Cando o mar foi polo rio. Miguel Anxo Fernan-Vello e Miguel A. Mato Fondo dedicanlle, en Espiral Maior, unha Antoloxía poetica.

1998          Traspasa a Libraría Xistral en Monforte e instálase con Saleta na Coruña.

2001                   Espiral Maior edita a súa Obra poética completa en dous volumes que merecerá o Premio Irmandade do Libro ao mellor título editado nese ano e o da Crítica de Galicia no ano seguinte. Tamén será premiado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

2002          Publica o que será o seu último poemario en vida, Entre a arxila e a luz. Aínda que xa está retirado da militancia política, participa activamente nas campañas de Burla Negra e Nunca Maís tras o desastre do Prestige.

2003                      A proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín  ingresou como numerario na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe sendo respostado por Méndez Ferrín.

2004          Finou na Coruña, onde vivía dende 1998, o 8 de setembro e foi soterrado en  Outeiro de Rei, despois do velorio no Panteón de Galegos Ilustres.

 

 

 

 

                  

 

 

Advertisements